Sábado. 06.07.2024

O Concello de Ferrol celebrou o Día Mundial do Medio Ambiente, baixo o lema “As nosas terras. O noso futuro”, cunha plantación no parque do Montón, na que participaron escolares da cidade.

Así,o alumnado de 3º a 6º de primaria do CEIP Ledicia, de 3º e 4º do colexio Lestonnac e de 5º de primaria do colexio La Salle, deixaron a súa pegada no lugar plantando aromáticas e froitos do bosque, contribuíndo a incrementar a superficie verde.

Tras a plantación, celebrouse un acto institucional no que participou o concelleiro de Medio Ambiente, José Tomé. Así mesmo, realizouse unha visita guiada polo parque que estivo aberta a toda a cidadanía interesada.

Dende a administración local fixeron fincapé nas accións que realizan para recuperar zonas verdes públicas, como os labores dos 20 alumnos e alumnas do obradoiro dual de emprego no parque do Montón, co obxectivo de poñelo en valor para o seu uso por parte da veciñanza.