Sábado. 06.07.2024

Reforzar a seguridade e a vixilancia para asegurar unha convivencia pacífica en todos e cada un dos barrios de Teo. Ese é o obxectivo da alcaldesa, que vén de reunirse coa Policía Local e a Garda Civil do Milladoiro. A xuntanza ten lugar despois dos roubos rexistrados no municipio nos últimos meses, e logo de que Lucía Calvo de la Uz reclamara unha maior presenza de efectivos como medida disuasoria.

A rexedora explicou que están estudando o incremento da seguridade e da vixilancia durante as noites da fin de semana por parte dos efectivos locais. Estamos diante dunha vella demanda da veciñanza, que choca frontalmente coa escaseza de axentes. Cómpre recordar que hai anos que non se convocan novas prazas de policía local. A intención do executivo é pasar das 9 actuais a 11, como se recolle no orzamento para 2024. Será agora a Academia Galega de Seguridade a que se encargue da correspondente convocatoria e do desenvolvemento dos procesos selectivos.

Esta proposta de Alcaldía foi fundamentada na Lei 4/2007, de coordinación de policías locais, onde se establece que a propia Xunta de Galicia poderá asumir a convocatoria das prazas vacantes e, de ser o caso, a formación e o período de prácticas naqueles concellos que así o acorden mediante os oportunos convenios de colaboración.