Sábado. 29.06.2024

O Concello de Ferrol vén de anunciar a aprobación por parte do goberno local das bases da XXXIV edición do Concurso Internacional de Piano Cidade de Ferrol que terá lugar entre os días 15 e 22 de novembro deste ano. O certame comezará cunha primeira rolda na que os participantes deberán interpretar un programa de libre elección dunha duración máxima de 30 minutos, e seguirá cunha segunda rolda na que a duración máxima da actuación será de 50 minutos, e os intérpretes deberán incluír a obra dun compositor español. Ambas fases preliminares desenvolveranse no ferrolano Teatro Jofre.

A fase final no Auditorio de Ferrol baixará o pano desta nova edición do Concurso Internacional, á que chegarán só tres pianistas e na que terán que interpretar un concerto para piano e orquestra propio do repertorio, acompañados pola Sinfónica de Galicia.

O primeiro premio está dotado con 15.000 euros, o segundo con 7.000 e o terceiro con 4.000. Asemade, outorgarase o premio ao mellor intérprete de música española, dotado de 2.000 euros, e ao mellor intérprete galego, que levará 1.000 euros. O xurado será o encargado de valorar aos participantes segundo criterios de calidade artística, interpretativa, técnica e musical, entre outros aspectos. A composición do mesmo darase a coñecer na páxina web do concurso.

Poderán participar no certame todos aqueles interesados con idade comprendida entre os 16 e os 35 anos. O prazo de inscrición pecharase o vindeiro 24 de outubro.

Todas as probas desta XXXIV edición do Concurso Internacional de Piano Cidade de Ferrol, organizado polo departamento de Cultura gravaranse e retransmitiranse en streaming a través das canles dixitais e das plataformas en redes sociais coas que conta o Concello ferrolán.