Sábado. 29.06.2024

O pasado 13 de maio, o equipo de Axa Arqueoloxía comezou unha nova campaña de escavación no castro do Campo Sarridal, no Concello de Cedeira. Uns traballos arqueolóxicos que se compaxinan coa organización de tres xornadas de portas abertas e divulgación sobre o xacemento, o 23 e 30 de maio, e o 6 de xuño, sempre ás 12:00 horas e sen necesidade de inscrición. Tanto as tarefas de escavación como as xornadas de divulgación contan co financiamento da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.

O director dos traballos, Emilio Ramil, explicou que o ano pasado participaron nas visitas ao xacemento tanto a veciñanza de Cedeira como doutros municipios da comarca, así como os centros educativos da contorna. Este ano, tamén se está a organizar, a través do Concello, algún percorrido e visitas para grupos escolares. 

Os traballos, precisou Ramil, centraranse nunha superfície de 50 metros cadrados ao norte do monumento con forno do castro, unha estructura de gran valor na que se atopou a pedra formosa máis antiga de Galicia. Os achados ata hoxe en día revelan que este enclave estivo habitado dende a Idade de Ferro, no século IV a.C. ata o IV ou V d.C., polo que abrangue a cultura castrexa, a romana e tamén a etapa da chegada dos Visigodos.

Vista aérea de parte do xacemento do castro no Campo Sarridal en Cedeira
Vista aérea de parte do xacemento do castro no Campo Sarridal en Cedeira

A escavación que se acaba de iniciar sacará á luz novos restos, nunha área na que se supón que poden estar as dependencias auxiliares da forxa que está próxima, engadiu o director dos traballos arqueolóxicos quen incidiu en que nesta campaña tamén se inclúen as tarefas de consolidación das descubertas.  

O Concello de Cedeira, pola súa banda, está a traballar para artellar unha vindeira campaña de escavacións que se desenvolverá pola zona do camiño. Unha intervención que vai precisar da construción dunha ponte de madeira que garanta o paso de peóns durante a realización dos traballos, polo que o goberno local está a estudar a posibilidade de solicitar algunha axuda á Deputación, ademais das aportacións municipal e da Xunta.