Sábado. 29.06.2024

O XXVIII Premio Literario Arcebispo Juan de San Clemente, organizado polo IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, vén de anunciar as obras finalistas desta nova edición do certame nas súas tres categorías: novela en lingua estranxeira, novela en castelán e novela en galego.

O anuncio fixérono, nun acto o pasado 23 de maio, o director do centro organizador do concurso, Xavier Mouriño; o secretario xeral da Lingua da Xunta, Valentín García; a xefa do departamento de lingua castelá do instituto e coordinadora do Premio San Clemente, Marta Gende, e a profesora de lingua galega, Sira Vidal.

Na categoría de novela en galego, optan ao premio Hotel Carioca de Antón Riveiro Coello e editado por Galaxia; Diario de dúas casas de María Villamarín de Euseino Editores; e O ano das mazas, obra de Montse Ferreira Fervenza e publicado por Xerais.

No apartado de lingua castelá, as obras candidatas ao Premio San Clemente son La naturaleza secreta de las cosas de este mundo do arxentino Patricio Pron (Anagrama), Literatura infantil do chileno Alejandro Zambra (Anagrama) e No te veré morir do andaluz Antonio Muñoz Molina e editada por Seix Barral.

Por último, as obras candidatas ao galardón en lingua estranxeira son Una salida honrosa, do francés Éric Vuillard e editado por Tusquets; Miradnos bailar da autora francomarroquí Leïla Slimani, e El retrato de casada da escritora británica Maggie O'Farrell (Libros del Asteroide).

Valentín García destacou, durante o anuncio das obras candidatas, a singularidade deste premio composto por un xurado adolescente, xa que os libros gañadores das tres categorías son elixidos polo alumnado de Bacherelato do instituto compostelán, así como doutros centros de fóra de Galicia e de España como Madrid, Francia, Alemaña ou Reino Unido. 

Neste sentido, o secretario xeral puxo en valor que se conte co criterio destos rapaces e rapazas, que sen ten demostrado cualificado ao longo de todos estes anos do Premio.