O restaurante O Sendeiro, en Sar, recibiu os premios á Mellor Tapa Creativa, á Mellor Tapa en Maridaxe con Viño e á Mellor Tapa sen Glute, nun Santiago(é)Tapas no que se dispensaron máis de 30.000 petiscos
O restaurante O Sendeiro, situado no barrio compostelán de Sar, foi o gran protagonista durante a gala de entrega de premios do XVI Santiago(é)Tapas que se desenvolveu na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, nun acto que dirixiu a xornalista Ainhoa Apestegui e no que participaron a alcaldesa do Concello de Santiago, Goretti Sanmartín, a concelleira de Turismo, Míriam Louzau; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, ou o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), Martín Alemparte, entre outros.
Así, o XVI Santiago(é)Tapas, que dispensou máis de 30.000 petiscos entre visitantes e veciños cun total de 62 propostas de 42 locais, concedeu ao restaurante O Sendeiro os premios á Mellor Tapa Creativa (Diploma e 1.000 euros), á Mellor Tapa de Maridaxe con Viño (500 euros en produto) e á Mellor Tapa sen Glute (200 euros en produto) polo petisco Bonito, millo e langostino, convertendo ao restaurante, que rexentan Alberto Fernández y Sergio Delpont, no protagonista da noite.
Nesta XVI edición do Santiago(é)Tapas, a segunda dende que o Concello decidiu trasladar o certame do mes de novembro ao mes de febreiro, contou cun total de 12.915 votos válidos rexistrados entre a veciñanza e os visitantes composteláns que, dende o 13 de febreiro ao 2 de marzo, puideron gozar dos petiscos e das tapas nos locais composteláns.

Uns votos, que ademais de premiar a O Sendeiro, tamén recoñeceron como Mellor Tapa Tradional, galardón dotado cun diploma e 1.000 euros, á elaboración do Sessanta&Novanta da rúa Pitelos, Milfollas de bacallau con cebola caramelizada. Os participantes, tamén deron os seus votos ao petisco Ouro de castaña e mazá, de La Morena, que conseguiu o premio á Mellor Tapa Doce (Diploma e 1.000 euros), metres que elixiron ao Crocante de sardiña afumada, do Café Mercedes en Mazarelos, como Mellor Tapa en Maridaxe de Cervexa (500 euros en produto).
Tapas e petiscos finalistas
Ademais, tamén recibiron unha chaquetiña cortesía os 10 locais finalistas que foron: Artesana, coa tapa Xenerais da Ulla; Bodeguilla de San Lázaro, con Cocido galego; Bodeguilla de Santa Marta con Sabores da terra; La Morena con Ouro de castaña e mazá; O Sendeiro con Bonito, millo e lagostino e Galmesán, solombo e pesto; O Testo con Mandarina morada do Cebreiro; Oca Puerta del Camino con Repolo, papada de porco Celta e cigala; Orixe con Que morro temos!; Sessanta&Novanta con Milfollas de bacallau con cebola caramelizada e Vilar 64 con Pan chino.
Durante o transcurso do acto de entrega de premios, no Auditorio de Galicia, tamén se realizou un sorteo dun agasallo especial entre as 12.915 persoas que votaron durante a celebración do concurso. A gañadora recibirá unha caixa de produtos de calidade contrastada, DOP, IXP, CRAEGA, cortesía de AGACAL, a mesma que recibiron os locais gañadores das tres categorías principais.




